Os veciños de Vilaxoán mobilízanse contra a supresión da parada de autobús do Freixo

VILAGARCÍA> O posible cambio dunha parada de autobús en Vilaxoán, no concello de Vilagarcía, enfada e moito aos veciños. Decenas de persoas concentráronse para opoñerse a esta modificación, que afecta á zona do Freixo. Aseguran que o bus para neste punto dende hai máis de 50 anos e culpan directamente á asociación de veciños de propiciar o cambio. O colectivo cre que as manobras do autobús neste punto non son seguras.

Na zona do Freixo, en Vilaxoán, os veciños non queren nin oír falar dun cambio na localización da súa parada de autobús. Actualmente, o servizo recolle aos pasaxeiros na contorna da rúa Veiga do Mar. Punto que, aseguran, se mantén dende hai máis de 50 anos.

Foi a asociación veciñal de Vilaxoán a que alertou dos perigos que, aseguraban, supoñían as manobras dos autobuses neste punto. De suprimirse esta parada, a veciñanza tería que coller o autobús atravesando a estrada xeral.

Onte os veciños celebraron unha concentración para protestar contra este posible cambio. Unha mobilización que rematou nun enfrontamento co presidente da asociación de veciños, Cándido Meixide.

Porque os veciños insisten no necesario que é ter un fácil acceso a este servizo de transporte público. Algo que se vería dificultado, aseguran, coa supresión desta parada.

Ademais da concentración, os veciños da zona iniciaron unha recollida de sinaturas que presentarán na asociación veciñal contra a eliminación desta parada do Freixo.