O PSOE de Lousame ve prioritario a mellora dos servizos básicos

    LOUSAME> Segundo eles existen numerosas aldeas que carecen a día de hoxe de saneamento, e noutras en que si o hai, o servizo presenta deficiencias. Conscientes de que se trata dun municipio rural, cunha orografía complexa e núcleos de poboación moi dispersos, para os socialistas de Lousame o saneamento debería ser unha das principais prioridades do goberno local. Segundo eles deberían ter preferencia aquelas actuacións encamiñadas á mellora da rede de sumidoiros en todo o concello, levando o saneamento a aquelas aldeas nas que a día de hoxe se carece del ou si o hai presenta importantes deficiencias Os socialistas botan en falla tamén unha política coherente en materia de infraestruturas viarias. Para o voceiro municipal, Xulio Paradela, o executivo local está a destinar unha gran cantidade de fondos a unha única estrada como é a de Tállara a Portobravo, e esquécese doutros viais que si o precisan. Neste sentido critican que non se teña en conta tampouco ós demais grupos da oposición á hora de consensuar antes as obras a realizar. Si se fan pola contra, segundo eles, outras obras faraónicas, que supoñen un gran desembolso para as arcas municipais como é o caso das rehabilitacións das minas de San Finx e o mosteiro de Toxosoutos, así como tamén a ampliación do campo de fútbol da Silva, entre outras.