BOIRO> O executivo boirense vén de adxudicar, por algo máis de 18 mil euros, as obras de instalación dunha zona de psicomotricidade no parque infantil da praza de Galicia. A actuación ten como obxectivo dotar a este espazo público dun novo equipamento orientado á actividade física e ó desenvolvemento da psicomotricidade, diversificando e ampliando os usos do parque. Un dos máis concorrido de todo o termo municipal.
As obras de construción desta zona de psicomotricidade no parque infantil da praza de Galicia contan cun orzamento de algo máis de 18 mil euros. A actuación contará con areeiro, paneis lúdicos ou unha mesa de xogo, entre outros elementos, e un valado perimetral especialmente deseñado para favorecer que os nenos e nenas de menor idade desenvolvan actividades físicas, cognitivas e emocionais.
Dende o Concello destacan que a actuación permitiralles seguir coa súa aposta pola mellora dos espazos públicos e a incorporación de novos equipamentos destinados ó lecer activo, promovendo espazos para os mais cativos que favorezan o xogo e tamén a actividade física.











