BOIRO> O Partido Popular de Boiro denuncia a mala xestión do servizo de axuda no fogar por parte do goberno local. Na actualidade, din, hai máis dun cento de persoas en lista de agarda a pesar de que o concello ten consignados os fondos necesarios para satisfacer as demandas de tódolos solicitantes.
Os populares de Boiro fixéronse eco das queixas formuladas por varios veciños ante o retraso na resolución dos expedientes do servizo de axuda no fogar. A pesar de que a Consellería de Política Social ten incrementado a contía para cofinanciar o servizo, o concello conta con máis dun cento de solicitantes en lista de agarda.
Dado que a Xunta axusta a asignación de horas en función do uso efectivo das mesmas, os populares instan ó executivo a asignar as 642 horas que quedan dispoñibles para poder estender o servizo a máis usuarios.
O voceiro popular lembra que o servizo de axuda no fogar sempre foi unha das prioridades da política municipal ó longo dos sucesivos gobernos polo que apela a seguir nesta liña de apoio á dependencia.