PORTO DO SON> A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, participou esta pasada fin de semana na Festa Gastronómica do Porco Celta celebrada na parroquia sonense de Nebra. Alí anunciou que a Xunta de Galicia destinará este ano un total de 241 mil euros en axudas para o fomento das razas autóctonas gandeiras galegas, entre as que se atopa a do porco celta. Segundo ela estas achegas teñen como finalidade contribuír ó aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras e á modernización do sector en materia de xenética, sanidade e produción animal. Outro dos obxectivos que se persiguen tamén é mellorar a eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións e favorecer a optimización na utilización das oportunidades e recursos dispoñibles. Poden acollerse a estas axudas as Organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas pola Comunidade Autónoma que cumpran, entre outros requisitos o de carecer de ánimo de lucro e de estar oficialmente recoñecidas para a xestión do Libro ou Libros Xenealóxicos das razas autóctonas galegas. A titular de Medio Rural aproveitou tamén o acto para destacar precisamente a explotación de porco celta existente no monte comunal de Nebra, xa que aproveita os avances en I+D para poñer en valor este tipo de producións gandeiras. Trátase dunha explotación porcina da que é titular a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel). Ten carácter extensivo e actualmente conta cun censo de 49 porcos de cebo. Empezou a funcionar no ano 2012, no marco dun proxecto de I+D financiado pola consellería do Medio Rural con fondos Feader, e foi posto en marcha por Asoporcel, en colaboración cos comuneiros do monte veciñal de Nebra, que cederon unha parte do terreo para o proxecto.
Inicio Barbanza - Muros - Noia









