A calidade dos espectáculos consolida a Feira Castrexa de Boiro

    BOIRO> Boiro converteuse esta fin de semana nun gran mercado castrexo. Artesanía, degustacións gastronómicas e obradoiros compuxeron a maior parte da programación desta feira na que espertaron gran expectación os espectáculos de lume e acrobacias. O ‘lume valirio’ foi un dos espectáculos máis vistosos desta feira castrexa na que a animación foi unha constante durante toda a fin de semana. Guerreiros, duendes, elfas e faunos percorreron o gran mercado instalado na rúa peonil onde se podían adquirir todo tipo de produtos elaborados de forma artesanal. As exhibicións de oficios artesanais concentraron tamén a moitos visitantes que tiveron ocasión de coñecer máis de preto estes traballos. O bo resultado desta edición segue a consolidar esta feira castrexa que se suma á oferta de actividades e iniciativas culturais que ofrece Boiro durante todo o verán.