BOIRO> O director xeral de Amicos, Xoán España, e a directora de Relacións Institucionais de Jealsa, Margarita Hermo, asinaban esta mañá o convenio de colaboración entre as dúas entidades que permitirá seguir traballando de cara a facilitar a integración das persoas con discapacidade na sociedade, tanto a nivel vital como laboral.
Dende Jealsa destacaron a importancia desta alianza que se mantén dende hai máis de dez anos que encaixa perfectamente no seu programa de responsabilidade social corporativa We Sea.
Durante estes anos o apoio de Jealsa permitiu poder desenvolver infinidade de proxectos a través da Fábrica Social de Amicos e dos seus talleres prelaborais, pero tamén coa infancia, fomentando a integración escolar de nenos con discapacidade e iniciativas de sensibilización social como os programas Badaboom e Festiritititi ou dar continuidade á unidade de apoio e estimulación sensorial do centro.











