RIBEIRA> AMICOS celebrou o acto de entrega de diplomas ós alumnos do Plan Integrado de Emprego. Máis da metade dos participantes conseguiron xa a inserción laboral grazas ós itinerarios de formación especializada.
Máis dun cento de persoas están a participar no Plan Integrado de Emprego de AMICOS que ten por obxectivo facilitar a inserción laboral de colectivos con maiores dificultades como poden ser parados de longa duración, persoas con discapacidade, mozos menores de 30 anos sen cualificación ou mulleres desempregadas.
Ademais da formación a través destes itinerarios personalizados en distintas áreas o programa inclúe a realización de prácticas a través dos convenios con numerosas empresas. A catro meses aínda de concluír o programa, xa son 53 as persoas que conseguiron un posto de traballo.
No acto de recoñecemento ós alumnos celebrado esta mañá participaron representantes das empresas colaboradoras, así como dos concellos da Pobra, Boiro, Ribeira, Porto do Son e Lousame que participan no programa. Pechou o acto o director xeral de Discapacidade, Fernando Castro.