O baile inundará Ribeira co VI Festival Salsa na Rúa

    RIBEIRA> Os ritmos latinos tomarán este sábado o casco urbano de Ribeira coa celebración do sexto festival Salsa na rúa. A escola de baile El Tomasón e o concello volven colaborar na organización deste evento que celebra este ano a súa edición máis internacional. Dende as dez da mañá desenvolveranse nas principais rúas do centro de Ribeira, talleres, clases abertas e todo topo de exhibicións. Profesionais chegados de Brasil, Cuba, Santo Domingo ou Puerto Rico ofrecerán unha mostra do seu talento non só na salsa e ritmos latinos. Haberá tamén espazo para a danza moderna con mostras de hip-hop, funky ou zumba. O campión de Lambada de Brasil ofrecerá tamén unha versión renovada deste baile incorporando o ritmo zouk, provinte das Antillas. A partir das nove da noite dará comezo a gala de clausura do festival no palco instalado no malecón.Ademais das exhibicións de baile, o programa inclúe tamén un concerto que se desenvolverá á unha da tarde na caseira. Nas actividades participarán non só os alumnos e profesores de danza de El Tomasón senón que xa está confirmada a presenza de numerosas escolas de baile de toda Galicia. Tamén están convidados tódolos veciños e visitantes a participar nas numerosas actividades abertas que inclúe o festival.