Todo a punto para a entrada en funcionamento da gardería de Muros

    MUROS> A nova gardería de Muros estará operativa para o comezo do curso. Así o anunciou a alcaldesa que informou que se atopa en marcha o proceso de inscricións. A escola infantil ten capacidade para corenta alumnos e, na actualidade, quedan aínda prazas libres. Os pais interesados en matricular ós seus fillos en calquera das unidades de cero a tres anos poden dirixirse ó departamento de Servizos Sociais do concello. A Xunta, responsable da construción do inmoble, así como da contratación do persoal docente e de limpeza, xa habilitou as instalacións para entrar en funcionamento no mes de setembro. Con respecto á polémica xurdida en relación ó elevado custo que deben asumir os concellos por cada alumnos matriculado, o executivo muradán tentará renegociar as condicións co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para tratar de reducir a aportación municipal. Sen embargo, a prioridade agora é garantir a posta en marcha e o bo funcionamento deste servizo tan demandado.