Vilagarcía vai construír unha nova piscina ao carón da de Fontecarmoa

VILAGARCÍA> Vilagarcía vai amplia-la súa piscina municipal para dar resposta á ampla demanda de usuarios. O concello decidiu construír un novo vaso ó carón da actual piscina de Fontecarmoa, conectándoas cunha pasarela.

O concello de Vilagarcía decidiu amplia-la capacidade da piscina para dar resposta á demanda á que se enfrontan as instalacións cada día. E é que acotío, o complexo de Fontecarmoa recibe a visita de ducias e ducias de persoas, tanto procedentes da localidade, como doutros municipios da contorna.

Hoxe aprobouse en Xunta de Goberno local a adquisición duns terreos lindeiros coa actual piscina. Nun primeiro momento valorouse a posibilidade de amplia-la actual piscina. Finalmente, o proxecto polo que decidiu aposta-lo executivo local contempla a construción dunha nova nave, cunha nova piscina, que estaría conectada coa actual a través dun corredor climatizado.  Segundo o rexedor, Alberto Varela, o proxecto debería estar rematado o ano que vén. A actuación poderá levarse a cabo grazas á captación duns fondos europeos.