A Xunta entrega a Pontevedra o edificio rehabilitado de Benito Corbal

PONTEVEDRA> Primeiro día da segunda vida do edificio da Xunta de Benito Corbal. A antiga sé da administración autonómica en Pontevedra estreou hoxe nova cara tralos traballos de rehabilitación que se prolongaron nos últimos catorce meses. O inmoble acollerá agora as oficinas do servizo público de emprego, 26 locais para asociacións e tres plantas reservadas para a Universidade de Vigo e o seu Campus Crea.

Un edificio moderno, cómodo, accesible e versátil. Este é o resultado da rehabilitación da antiga sé da Xunta en Pontevedra, na rúa Benito Corbal. Catorce meses de traballo e cinco millóns de euros de investimento despois, o inmoble arrinca a súa nova dida.

Os 6.000 metros cadrados de superficie do edificio divídense en oito plantas. Tres acollerán as oficinas do servizo público de emprego. Outras dúas repartiranse en 26 locais que se adxudicarán a asociacións e colectivos. As tres restantes serán para a Universidade de Vigo, que instalará aí o seu Campus Crea. Tamén conta cun soto con salón de actos.

A recuperación deste edificio encaixa, segundo Núñez Feijóo, na política da Xunta de rehabilitar inmobles sen uso. Tamén destacou a aposta da administración autonómica por Pontevedra que, asegurou, acadará a súa culminación coa construción do Gran Montecelo.

A estas dúas actuacións sumaranse os novos edificios da Parda, cun orzamento de 20 millóns de euros que se inaugurarán este verán, a rehabilitación da ponte da Barca, xa rematada, e o proxecto da estación intermodal de Pontevedra.