PONTEVEDRA> A Xunta de Galicia licitará a comezos de 2020 a Variante de Alba. Así o anunciou esta mañá a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez. Con este proxecto, que unirá a PO-531 e a N-550 preténdese reforzar a seguridade viaria da contorna e reducir o tráfico do núcleo de San Caetano.
A Xunta de Galicia someteu hoxe a exposición pública o proxecto de construción da nova Variante de Alba. Un vial que unirá as estradas PO-531 e a N-550. Unha infraestrutura moi demandada pola cidadanía e que terá unha lonxitude de menos de 1 quilómetro.
Este vial que conectará Alba con San Caetano será unha alternativa á PO-225, unha estrada pola que pasan preto de 13.000 vehículos ao día.
Esta nova infraestrutura está deseñada con características dunha vía de altas prestacións e cunha velocidade de proxecto de 100 km/h. Nela haberá dúas calzadas, unha por sentido, que estarán separadas grazas a unha mediana de 2 metros. Nas obras está incluída a construción dun viaduto de 265 metros e de dúas glorietas, que estarán situadas en cada un dos extremos do vial, é dicir, en Campañó, na PO-531 e en Lérez, na N-550.
O proxecto dividirase en dous tramos. No primeiro realizaranse as expropiacións e os movementos de terra necesarios para executar estes traballos.
Para a primeira fase, a Xunta conta cun orzamento de case 8 millóns de euros que, sumados aos 384 mil euros que se reservarán para as expropiacións e ao diñeiro da segunda fase, supón un investimento global de 14 millóns de euros. Os afectados poderán achegar as súas observacións e queixas ata o vindeiro 7 de agosto. A consellería de Infraestruturas pretende licitar a construción desta nova Variante de Alba a comezos de 2020 para que estea rematado de cara ao Xacobeo de 2021.