A conserveira vasca Ortiz planea a súa expansión na Pobra

    POBRA > A conserveira Ortiz ten previsto expandir as súas instalacións na Pobra do Caramiñal. A empresa xa se puxo en contacto co executivo local para a solicitude duns terreos no futuro polígono da Teixoeira, onde ten previsto construir unha gran factoría. O responsable da firma reunirase a principios de abril coa conselleira de Vivenda e Solo para expoñerlle o proxecto.

    A Pobra do Caramiñal espertou durante os últimos anos un enorme interese entre o sector conserveiro e foron moitas as empresas que se viñeron asentando no municipio. Na actualidade e coa proposta de expansión de Ortiz sobre a mesa, a Pobra está a piques de converterse no centro da industria conserveira a nivel comarcal.

    Ate o de agora, a compañía de orixe vasco contaba cunha fábrica de catro mil metros cadrados na zona da Lomba, insuficiente para o aumento de produción que ten previsto. Ante a escaseza do actual chan industrial co que conta o municipio, os responsables da empresa pretenden adquirir unha parcela de 25 mil metros cadrados no futuro polígono da Teixoeira ubicado entre Ribeira e A Pobra.

    O xerente da conserveira, Jose Ortiz Zárate, xa se puxo en contacto co alcalde, Isaac Maceiras, quen acolleu con enorme satisfacción a súa proposta dada a importante dinamización do sector que suporía a implantación dunha gran factoría.

    Non é único o caso de Ortiz posto que son moitas as empresas de diversos sectores que manifestaron a súa intención de implantarse no municipio. de ahí a necesidade de ampliacion de chan industrial na zona da Teixoeira posto que o actual polígono da Tomada xa está esgotado e os cen mil metros que conforman a súa ampliación xa foron reservados.

    Congalsa, Cartogal, Mexigal, Procesados Pesqueiros, Transportes Mapir ou Excavacións Nima son algunhas das empresas que xa solicitaron a súa reserva de terreo.

    Para tratar de buscarlle unha solución a esta carencia de chan industrial na localidade o rexedor pobrés xa solicitou unha entrevista coa Conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, para coñecer de primeira man todo o referente á construción do futuro polígono industrial da Teixoeira, compartido entre os municipios da Pobra e Ribeira.

    Redacción Barbanza