Ribeira aprobará este mércores un orzamento de 30 millóns para dar cobertura ó gasto executado

RIBEIRA> O goberno de Ribeira levará este mércores a pleno a súa proposta de orzamentos para 2025. A pesar de estar a piques de rematar o ano, o documento é necesario para dar cobertura a gasto xa executado. Aprobaranse ademais un suplemento e un crédito extraordinario con cargo ó remanente de tesourería.

A proposta do executivo ribeirense para os orzamentos do presente exercicio ascende a 29.756.000, algo inferior ó presuposto do pasado ano. A concelleira de Facenda destacou que non se prevé ningunha suba fiscal posto que no capítulo de ingresos destacan os fondos do POS destinados a gasto corrente que implican a conxelación das taxas municipais.

En materia de gastos, o principal vai destinado a bens correntes de servizos e subministros, seguidos dos gastos de persoal. No pleno extraordinario que se celebrará este mércores aprobarase tamén un suplemento de crédito para facturas e gastos pendentes de pago así como un suplemento de crédito por valor de 1.749.000 euros, nos que destaca unha partida de medio millón para a nave do Club de remo, outra de 300 mil para melloras viarias.

No apartado de investimentos que ascende a  2.667.000 euros figuran varias actuacións para as que se perdeu a subvención a pesar de que contaban con financiamento.

Destaca ademais o reforzo doutras partidas como as melloras nos centros educativos, axudas no fogar, vixilancia no aparcadoiro do Centenario ou a dotación do parque infantil desta praza cun investimento de 213 mil euros.