RIANXO> A Asociación de Nais e Pais da Escola Infantil de Rianxo denuncia as numerosas deficiencias que presenta o centro. Esta mañá iniciábase o curso sen que as administracións responsables teñan acometido a posta a punto das instalacións, cos consecuentes prexuízos para o medio cento de nenos que asisten a esta gardería. A apertura do curso escolar na rede pública de escolas infantís da Galiña Azul deixa, este ano, algo que máis que as típicas estampas dos nenos na súa volta ó cole. En Rianxo, non son os pequenos senón os pais os que asumen o inicio do curso con malestar ante o incumprimento dos compromisos da administración para arranxar as deficiencias que presenta o centro.O maior problema está nas filtracións da cuberta que ocasionaron graves problemas de humidades que aínda persisten. A isto engádese a falla de limpeza e de mantemento en varias das estancias que derivou que, nove anos despois da súa apertura, o centro non reúna as mínimas condicións de hixiene e seguridade para os cativos. A situación remóntase xa dende o pasado curso polo que a ANPA leva meses denunciando as deficiencias ante o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o concello. A resposta da Xunta é que non dispón de fondos para obras maiores pero si comprometeuse a realizar unha limpeza xeral e acondicionamento das instalacións; algo que a día de hoxe non fixo. O que si está confirmado é que concello asumirá a reparación do tellado para eliminar as filtracións pero as obras non comezarán ata mediados de mes co curso xa en marcha. Tras presentar numerosos escritos sen obter unha solución definitiva ós problemas, a anpa decidiu denunciar publicamente a situación para que as novas familias usuarias da gardería coñezan a realidade do centro. A próxima semana manterán unha nova xuntanza para decidir as medidas a adoptar. Non descartan iniciar mobilizacións ou mesmo presentar unha denuncia contra as administracións responsables.
Inicio Barbanza - Muros - Noia









