A Deputación da Coruña habilita unha liña especial de axudas para o agro, o mar e o transporte

BARBANZA> Será una liña especial que contará cun investimento de 5 millóns de euros de xeito inmediato, que mesmo podería chegar ós 10.

A Deputación da Coruña ponse mans a obra e traballa xa na busca de medidas efectivas que palíen na medida do posible a situación de dificultade pola que atravesan actualmente numerosas empresas da provincia dos sectores do agro, o mar e o transporte, dos máis castigados pola crise.

Despois de manter unha xuntanza con representantes de Unións Agrarias, da Federación Provincial de Confrarías e tamén con dúas federacións de transportes, FEGATRANS-APETAMCOR e FEGATRAMER- ACOTRADES, o presidente provincial, Valentín González Formoso, anunciaba a creación de xeito inmediato dunha liña de axudas para estes tres sectores, inicialmente dotada con cinco millóns de euros, pero que podería chegar ós dez.

Segundo anunciou o propio González Formoso estas axudas faranse efectivas nun prazo de entre sete e vinte e catro horas despois de realizada a solicitude.

Segundo os cálculos que manexa a propia Deputación, estas axudas poderían beneficiar a uns catro  mil profesionais destes tres sectores, cada solicitante podería percibir unha axuda de ata un máximo de tres mil euros.

Aínda así, dende o sector do transporte sinalan que estas axudas son aínda insuficientes para levantar o paro que mantén a día de hoxe o sector.

Por esta razón dende a institución provincial fan tamén unha chamada a outras Administracións para que tomen nota e leven a cabo iniciativas semellantes para paliar o incremento do prezo dos combustibles para estes tres sectores tan importantes para a nosa economía como é o dos transportes, o mar e o agro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí