Ribeira celebrará tres días de festa na honra á súa patroa

    RIBEIRA> Ribeira renderá homenaxe á súa patroa a próxima fin de semana. Numerosos actos relixiosos, culturais e festivos desenvolveranse no municipio entre o once e o trece de setembro. A cita principal terá lugar o sábado, día doce, coa misa solemne e procesión. As celebracións das festas de Santa Uxía, entre o once e o trece de setembro, inclúen algunhas novidades que teñen por obxectivo ampliar a programación festiva e chegar a tódolos públicos. Por primeira vez porase en marcha a campaña Peixe de Ribeira, organizada pola confraría de pescadores e a asociación de empresarios. A través de obradoiros, degustacións, exhibicións de oficios e mostras de artes de pesca pretenden fomentar o consumo de peixes con menor valor como o lirio ou o roncudo, pero con infinidade de posibilidades na cocia. No eido cultural, a programación inclúe diversos espectáculos como o concerto de Leilía ou os actos organizados polo tecido asociativo da vila como os festivais de Tahume e Alfaia ou o concerto de corais. Pero á marxe de tódalas actividades complementarias, Santa Uxía é unha festa eminentemente relixiosa. Hoxe mesmo comezan os actos litúrxicos que terán o seu máximo expoñente coa misa solemne e procesión do sábado a mediodía.. Haberá tamén obradoiros e inchables para nenos así como actuacións musicais. Os grupos locais amenizarán a sesión vermú mentres que a orquestra Marimba será a encargada da verbena nocturna.