O BNG da Pobra insta á Xunta a buscar solucións ó descenso do tráfico portuario de mercadorías

A POBRA> O BNG da Pobra levará a pleno unha moción sobre o descenso da actividade de descarga de túnidos no municipio. Piden á Xunta que realice os investimentos necesarios para dotar ó porto de máis servizos que permitan atraer un maior tráfico de mercadorías.

O descenso de tráfico de mercadorías na Pobra que se veu acentuado nos últimos anos levou ó BNG a instar á Xunta a buscar unha solución para facer fronte á perda de competitividade do porto pobrense. Tras debater esta cuestión no Parlamento en, alomenos, dúas ocasións agora o BNG levan unha moción a pleno pedindo á Xunta que inicie os contactos coas empresas consignatarias na busca dunha solución.

Aínda que non é a única causa consideran os nacionalistas que a falla de servizos no porto pobrense contribúe tamén á caída das descargas. Por esta razón, piden a Portos de Galicia os investimentos necesarios para as instalacións portuarias que levan anos sen afrontar melloras.

Ademais dos postos directos que xera a actividade, entre estibadores e traballadores das consignatarias, dende o BNG destacan a importancia da actividade portuaria como dinamizador da economía local.