Traballadores de ENCE e deputados populares abandonaron o pleno da Deputación

PONTEVEDRA> Pleno bronco na Deputación de Pontevedra. Máis dun milleiro de traballadores de ENCE, de empresas auxiliares e veciños achegáronse ata o Pazo Provincial para manifestarse a favor da pasteira. Tras pasar un control de seguridade especial nas portas, algúns accederon ao salón de plenos, onde un representante pediu aos deputados que respecten os seus postos de traballo. Na metade da sesión o Partido Popular abandonou a sala, en sinal de protesta pola decisión da presidenta provincial de non deixar intervir nin a eles nin ao público.

 

ENCE marcou a mañá na Deputación pontevedresa. Máis dun milleiro de persoas concentráronse ás portas do Pazo Provincial para pedir a continuidade da pasteira en Lourizán e defender os seus postos de traballo.

O representante do comité de empresa recordou que a factoría xera máis de 5.000 empregos en toda Galicia. Soto pediu aos deputados seriedade e acusounos de mentir nas súas argumentacións contra ENCE.

Trala súa intervención, vivíronse varios momentos de tensión entre a voceira do Partido Popular e a presidenta provincial. Nidia Arévalo reprochou os controis de seguridade ás portas do pazo, nos que se identificou a todos os asistentes ao pleno e se requisaron cartaces.

Non foi o único choque entre Silva e os populares, que nesta ocasión contaron co apoio do público. Tras varios intentos, a decisión da presidenta de non deixar intervir aos deputados nin aos asistentes en relación a ENCE, o grupo do PP abandonou a sala seguido de todos os asistentes.

Na sesión de hoxe tamén se formalizou a dimisión como deputado do expresidente popular Rafael Louzán, que non asistiu ao pleno.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/04/pleno_depo_ence.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/04/pleno_depo_ence.mp4{/flowplayer}