PONTEVEDRA> Avanzan os traballos previos á rehabilitación do Pazo de Lourizán, en Pontevedra. Dende o 25 de xuño, estanse a realizar actuacións de prospección, diagnose e recompilación de documentación para coñecer o estado do inmoble e poder elaborar os informes técnicos necesarios para o proxecto definitivo. De cumprirse os prazos previstos, as obras de rehabilitación deste edificio histórico poderían estar en marcha a finais de 2026.
Entre finais de 2026 e principios de 2027 está previsto que comecen as obras de rehabilitación do Pazo de Lourizán. O proxecto básico estará listo a finais deste mes, o que permitirá licitar as obras a mediados do ano que vén. Sempre e cando non xurdan imprevistos importantes.
O contrato foi adxudicado o 25 de xuño. Dende entón, o equipo traballa no Pazo en tarefas de prospección, diagnose e recompilación de documentación para coñecer o estado do inmoble.
O proxecto prevé que neste espazo convivan o uso forestal tradicional cunha vertente máis turística, cultural e recreativa. Unha nova vida que terá que adaptarse ao valor patrimonial do inmoble.
Así, o edificio acollerá espazos como un hotel de luxo, un restaurante e unha área de exposicións. A intención é que a rehabilitación se expoña en fases para permitir o uso parcial do espazo mentres avanza a intervención.
En canto ao orzamento, a conselleira recordou que inicialmente se falou de 15 millóns de euros. Pero Lorenzana xa matizou que se trata da contía mínima que requirirá a rehabilitación do Pazo de Lourizán.











