A protectora Os Palleiros paraliza as adopcións dos cachorros durante o Nadal

[

PONTEVEDRA> O Nadal é sen dúbida a época do ano onde máis aumentan as adopcións de animais. Un feito que case sempre provoca un efecto rebote, ao producirse máis abandonos no primeiro trimestre do ano. Para evitalo, a protectora Os Palleiros decidiu volver a suspender as adopcións dos cachorros.

Se Papá Noel e os Reis Magos fixesen unha lista dos agasallos máis demandados cada ano, probablemente eles estarían entre as primeiras posicións. Así e todo, os cans non poden ser tratados como xoguetes de usar e tirar e por iso, a protectora Os Palleiros decidiu suspender as adopcións dos cachorros durante estas festas.

As protectoras inciden sempre na importancia de adoptar e non comprar estes animais. Así e todo, a decisión de suspender as adopcións ven dada co obxectivo de evitar o aumento de abandonos ao rematar as festas de Nadal.

A pesar de que durante estas festas non se permitirán as adopcións, o certo é que esta protectora ven rexistrando uns bos datos a este respecto durante todo o ano.

Ao longo de todo o 2020, esta protectora pontevedresa rexistrou unhas 200 adopcións. Así e todo, as entradas de novos cans tampouco cesaron. Xustamente por iso segue sendo fundamental concienciar a toda a cidadanía sobre a responsabilidade que se necesita á hora de ter un can. Porque aínda que eles leven a alegría a todos os fogares, non son uns xoguetes.