Gonzalo Durán ve indicios de delito no proxecto de Megasa

    VILAGARCÍA>

     

    O alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, compareceu para aclarar as informacións que apuntan á súa oposición a que se constrúa un centro comercial nos terreos da antiga fábrica de Megasa en Vilagarcía. Asegura o rexedor que el non ten nada en contra de que se levante alí un híper. Co que non está conforme é cos trámites que se están a realizar para conseguilo. Asegura Durán que os técnicos do concello detectaron ilegalidades que poderían ser indicio de delito.

     

     

    Asegura Gonzalo Durán que desde Vilanova sempre defenderon o libre comercio e non están en contra da implantación de superficies comerciais. O que inclúe a posible creación dun centro comercial nos terreos da antiga Megasa, en Vilagarcía. O que acontece é que no momento de analizar o procedemento que están levando a cabo, os técnicos municipais se atoparon con que os trámites incorren en varios defectos de calado.

     

    A Xunta solicitou ó concello de Vilanova que informara o trámite por ser concello limítrofe de Vilagarcía. Segundo Gonzalo Durán, a principal ‘ilegalidade’ sería o procedemento de recalificación dos terreos: require unha modificación puntual das normas urbanísticas, e non, como se fixo, un estudo de detalle.

     

    O rexedor de Vilanova considera que de seguir adiante o procedemento, estaríase facendo unha excepción con Vilagarcía que non se realiza con ningún concello galego.

     

    O informe desfavorable emitido polos técnicos de Vilanova xa foi enviado á dirección xeral de Comercio da Xunta, e desde o concello aseguran que tamén remitirán copia a Urbanismo e a tódolos partidos políticos con representación na corporación de Vilagarcía.

     

    E pide explicacións ó actual alcalde. Pregunta por que en maio barallaba frear o proxecto e agora alega que non ten marxe de manobra para impedir a actuación.

     

     

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/07/GONZALOMEGASA.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/07/GONZALO_MEGASA.mp4{/flowplayer}