Continúan as investigacións polo secuestro do armador de Ribeira

    RIBEIRA > Pasan os días sen que se saiban novos datos sobre o secuestro do armador de Ribeira, Andrés Gude. O secuestro levantou unha grande expectación na capital peruana, onde a brigada antisecuestros segue as últimas pistas en relación ó caso. Os axentes procederon ó rexistro dunha vivenda no distrito Villa el Salvador ó sur de Lima. O rexistro produciuse ante as supostas informacións de que Andrés Gude podería estar retido nunha casa situada no distrito Villa El Salvador. Polo momento, os axentes da División Antisecuestros están levando as investigacións con total cautela e coa máxima prioridade. Neste sentido, o goberno de Perú mobilizou a tódolos corpos de seguridade do país co fin de resolver o caso coa máxima rapidez.

    armadorribeira_300_030406.jpgOs axentes manteñen contactos en todo o momento cos responsables da embaixada española en Perú para informarlle de tódolos pasos da investigación.

    Polo momento, permanecen vixiados todos aqueles puntos ós que puideran dirixirse os secuestradores así como o aeroporto internacional para evitar a súa saída do país. As informacións provenientes dos corpos de seguridade son aínda moi escasas posto que a filtración de datos podería poñer en risco a liberación de Andrés Gude. T

    anto a familia como os achegados ó empresario secuestrado están a gardar un silencio absoluto en relación ó tema polo que se descoñece se os secuestradores mantiveron algún contacto cos familiares esixindo un rescate ou se algún membro da familia se desprazou ata Lima para xestionar a liberación do empresario.

    Redacción Salnés