Dous mortos e un ferido nun choque frontal na autovía do Barbanza

    RIANXO> Dous mortos e un ferido nun accidente rexistrado a pasada noite na autovía do Barbanza, á altura de Rianxo. Os dous turismos colidiron frontalmente posto que un circulaba en dirección contraria. O accidente producíase preto das once da noite do domingo, cando un BMW que circulaba en dirección contraria pola autovía colidiu frontalmente cun Skoda Felicia. Os dous ocupantes deste vehículo faleceron no acto mentres que o condutor do BMW, un veciño de Cures de setenta anos, M.V.G., foi trasladado ó complexo hospitalario de Santiago en ambulancia. O estado en que quedaron os dous vehículos dá idea da brutalidade do impacto. O incendio dun dos vehículos sinistrados obrigou á intervención dos bombeiros e mesmo foi preciso cortar o tráfico durante o operativo. Os dous falecidos son unha parella de mozos: Antonio Collazo, de trinta e nove anos e veciño da parroquia rianxeira de Isorna. A súa acompañante, María Asunción C. S, de trinta anos, era natural de Madrid aínda que residía na comarca, onde exercía como coidadora no xeriátrico de Noia. A nova causou unha gran consternación en Rianxo. Veciños e amigos achegáronse ó tanatorio a onde velaron o corpo do mozo falecido. Aínda que si o máis grave, este non foi o único accidente acontecido esta fin de semana na que o 061 chegou a asistir ata cento tres persoas en sesenta sinistros en toda Galicia.