O BNG insta ó concello a iniciar a limpeza de cunetas no rural

    POBRA> O BNG da Pobra solicita ó executivo que inicie canto antes o plan de limpeza das canalizacións de augas pluviais no rural. Lembran que o mal estado dos desaugues, principalmente pola presenza de maleza, provoca frecuentes inundacións. A inminente chegada das chuvias preocupa a moitos veciños das aldeas da Pobra que, ano tras ano, vén como o mal estado das cunetas e desaugues de pluviais ten como resultado o anegamento de estradas e núcleos de poboación. Por esta razón, o grupo municipal do BNG insta ó executivo a poñer en marcha o plan de limpeza e acondicionamento no rural para evitar que se repitan estas situacións. Trátase, din os nacionalistas, dunha cuestión organizativa xa que tanto a limpeza da maleza como a retirada de residuos que podan obstruír as canalizacións pode ser asumida pola brigada de obras.