Emotiva homenaxe a Mariano Vidal no aniversario do seu falecemento

    BARBANZA > O BNG do Barbanza rendeulle esta pasada fin de semana unha emotiva homenaxe ó concelleiro ribeirés Mariano Vidal, cando se cumpre o cabodano do seu falecemento. Os actos iniciáronse en Rianxo, a súa vila natal, para continuar posteriormente en Palmeira, na Curota e en Ribeira. Á homenaxe asistiron amigos e familiares, así como tamén destacados membros desta formación política na comarca e a nivel autonómico coma Alfredo Suárez Canal, Francisco Rodríguez, Pilar García Negro ou Bautista Álvarez.

    Compañeiros de partido, amigos e familiares de Mariano Vidal organizaron un percorrido polos municipios da comarca co obxectivo de render homenaxe ó concelleiro falecido e á súa loita en prol do nacionalismo.

    Coma non podía ser doutro xeito a homenaxe iniciouse no municipio de Rianxo, vila natal do edil nacionalista. Os participantes fóronse congregándo na Praza Castelao para realizar un percorrido pola rúa de Abaixo, visitando as casas natais de tres ilustres rianxeiros: Manuel Antonio, Castelao e Rafael Dieste. A seguinte parada foi a Praza de Rafael Dieste, xunto a igrexa de Santa Columba para rematar no Paseo da Ribeira, xunto ó busto de Castelao. Nese lugar tan significativo tivo lugar o primeiro dos actos nos que tamén participou o presidente da Unión do Povo Galego, Bautista Álvarez, que ensalzou a figura de Mariano Vidal na loita nacionalista.mariano.gif

    Dende Rianxo a comitiva trasladouse ata Palmeira, onde o edil ribeirés pasou seis anos da súa vida, e en cuxo colexio foi director. Alí interviu Pilar García Negro, directora da Fundación Bautista Álvarez, que destacou a importancia do proyecto pedagóxico que Mariano Vidal puxo en marcha nesta parroquia ribeiresa, consistente na galeguización das aulas.

    A seguinte parada producíuse no mirador da Curota, na Pobra do Caramiñal, onde foron esparcidas hai un ano as súas cinzas. Sen dúbida este foi o acto máis emotivo e nel interviron entre outros Xan García, secretario local da CIG; Xosé Agrelo, director da editorial Toxosoutos; Riveiro Coello, presidente da asociación cultural Barbantia; Plácido Betanzos, profesor e escritor; e Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

    Os actos remataron en Ribeira, onde Mariano Vidal pasou a maior parte da súa vida, desenvolvendo a súa etapa como concelleiro nacionalista na corporación municipal. No edificio do ISM, Francisco Rodríguez, deputado do BNG no Parlamento español e Tobías Betanzos, ex responsable comarcal, analizaron a evolución do nacionalismo durante as últimas décadas, así como o papel que xogou Mariano Vidal no despegue do partido nesta comarca.

    Redacción Barbanza