RIBEIRA> Un incendio rexistrado nun garaxe causou importantes danos nunha vivenda situada no lugar dos Areeiros, en Ribeira. Ademais das perdas materias, tres dos ocupantes do inmoble tiveron que ser trasladados ó Hospital do Barbanza por inhalación de fume aínda que o seu estado non revestía gravidade e xa foron dados de alta.
O que transcorría como unha tranquila comida familiar nesta vivenda dos lugar dos Areeiros, en Castiñeiras, a piques estivo de acabar en traxedia. O lume iniciouse no garaxe, probablemente por un fallo eléctrico na caldeira, e propagouse con gran rapidez pola planta baixa. Cando os donos da vivenda se decataron, as lapas xa alcanzaran a dous dos vehículos que resultaron moi afectados así como o resto de enseres e electrodomésticos que quedaron totalmente calcinados.
A rápida actuación dos propietarios da vivenda así como dos veciños que acudiron na súa axuda con auga e extintores evitou danos maiores conseguindo controlar o avance do lume antes de que chegaran os bombeiros.
A pesar dos importantes danos materiais non houbo que lamentar vítimas. Tres dos ocupantes da vivenda foron trasladados ó Hospital do Barbanza para valorar o seu estado pero foron dados de alta ante a súa boa evolución.











