Demandan medidas de seguridade no cruce de Palmeira

    RIBEIRA> O BNG de Ribeira fíxose eco das demandas dos veciños de Palmeira que reclaman unha mellora da seguridade no cruce de Insuela. Os nacionalistas propoñen a implantación de semáforos nunha zona onde a escasa visibilidade provoca frecuentes accidentes. Tras recibir as queixas de numerosos veciños, o BNG de Ribeira levará a pleno a necesidade de reforzar a seguridade viaria no alto de Palmeira. O cruce entre as rúas do Vilar, Lorenzo Mene e a estrada principal AC-305 rexistra numerosos accidentes xa que se trata dunha zona moi transitada, que dá acceso ó colexio de Palmeira, e con escasa visibilidade. Os nacionalistas instan ó concello a solicitar ante os organismos competentes a toma de medidas que reduzan a sinistralidade na zona. Propoñen a instalación de semáforos ou, no seu defecto, un reforzo dos sistemas de seguridade.