RIBEIRA> Ribeira celebrou este mediodía o acto institucional para conmemorar o Día do Orgullo. O pregón correu a cargo do músico e compositor Xandre Millet quen ofreceu o testemuño das súas vivencias. Pechou o acto coa interpretación de ‘Os silenciados’, o tema máis reivindicativo do seu último disco.
A semana do Orgullo arrancou hoxe en Ribeira coa celebración dun acto institucional no salón de plenos. Nesta edición, o pregoeiro foi o músico aguiñense Xandre Millet quen ofreceu un testemuño valente e sincero das súas vivencias. Lembrou as dificultades ás que tivo que facer fronte pola súa condición así como o rexeitamento da propia familia, motivado polo descoñecemento e a falla de información.
Afortunadamente, os seus pais acabaron por entendelo. Non así, parte da sociedade xa que denuncia ter sufrido ataques homófobos e comentarios discriminatorios.
Tras este emotivo discurso, o acto rematou coa lectura da letra e a interpretación de ‘Os Silenciados’ un tema inspirado no asasinato de Samuel Luiz acontecido na Coruña hai dous anos.