Clases baleiras no CEIP Ana María Diéguez de Asados

    RIANXO> Aínda que a normalidade foi a tónica dominante nesta apertura do curso escolar, houbo centros nos que as clases non se retomaron segundo o calendario previsto. No CEIP Ana María Diéguez, de Asados, a maior parte dos alumnos non asistiron ó centro por decisión da ANPA que pretende, con esta medida, reivindicar a contratación dun mestre de audición e linguaxe. Tal e como acordaran en asemblea a maior parte dos pais dos alumnos do colexio de Asados, en Rianxo, optaron por non levar ós nenos a clase. Tan só cinco alumnos dos cento vinte et res con que conta o centro iniciaron o curso. No seu lugar concentráronse un grupo de sesenta pais ás portas do centro esixindo a dotación de máis persoal, en especial, dun mestre de audición e linguaxe. Na súa reivindicación contan co apoio do concello que xa solicitou unha entrevista cos responsables da Consellería de Educación. Tamén o PSOE de Rianxo interesouse pola situación trasladando ó Parlamento Galego varias iniciativas e mesmo, está previsto que o líder dos socialistas galegos, se achegue mañá a visitar o centro. Mentres tanto, a postura da ANPA é firme e seguirá sen levan ós nenos ás clases ata que non se atendan as súas demandas. Entre as vindeiras accións que levarán a cabo, acordaron desprazarse ata Santiago a próxima semana para asistir ó debate da pregunta presentada polo grupo socialista no parlamento.