Carmela Silva levará á Fiscalía ‘irregularidades’ en cinco proxectos do goberno de Louzán

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/10/fiscalia_pousadas.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/10/fiscalia_pousadas.mp4{/flowplayer}

 

PONTEVEDRA> As Pousadas do Salnés, baixo sospeita. A presidenta da Deputación de Pontevedra denuncia irregularidades no que fora o proxecto estrela do seu predecesor á fronte do organismo provincial. A intención de Carmela Silva é recompilar documentación para trasladala á Fiscalía e ao Tribunal de Contas. Ademais das Pousadas, outros tres proxectos con fondos europeos  están baixo sospeita, sumando máis de 35 millóns de euros de financiamento.

A presidenta da Deputación ven de denunciar irregularidades na xestión e nos pagamentos de proxectos que contan con fondos europeos impulsados polo goberno do seu predecesor, Rafael Louzán. Carmela Silva anunciou que están recompilando información para trasladala á Fiscalía e ao Tribunal de Contas.

Trátase de cinco iniciativas que contan con máis de 35 millóns de euros de fondos europeos: DepuTrans, DepoTic, DepoGap e Pousadas do Salnés, o proxecto estrela de Rafael Louzán. Neste caso a presidenta apuntou que se triplicou o orzamento inicial.

Carmela Silva explicou que é a súa obriga informar tanto á Fiscalía como ao Tribunal de Contas atendendo ao principio de transparencia das administracións. Despois serán estas institucións as que tomen as medidas oportunas. A presidenta advertiu que non ía asumir ningunha xestión irregular.

O grupo provincial do Partido Popular, pola súa banda, xa respondeu a estas acusacións. En nota de prensa, aseguran estar casos das ameazas da presidenta, e contestan a Silva actúe como considere mellor, con toda a documentación á súa disposición. O que os preocupa, segundo indica o voceiro Ángel Moldes, é a incapacidade do goberno actual para dar continuidade aos proxectos que o PP deixou pendentes.