O PP e catro edís do PBBI presentan unha moción de censura contra o alcalde de Ribeira

RIBEIRA> Tras meses soando con forza, os rumores confirmábanse esta mesma tarde coa presentación dunha moción de censura en Ribeira. O grupo popular, xunto con 4 edís do PBBI, asinan o documento que previsiblemente desaloxará da alcaldía ó nacionalista, Luís Pérez Barral.

Os últimos capítulos da política municipal en Ribeira xa facían presaxiar a moción de censura presentada esta tarde. Os 10 edís do grupo popular xunto con 4 do PBBI, todos a excepción de Juan Luís Furones, asinaron o documento que se presentou pasadas as dúas desta tarde no rexistro municipal. Entre os motivos, tanto PP como PBBI inciden na falla de transparencia e de diálogo á hora de consensuar temas de interese xeral.

Para os socios de goberno esta dinámica derivou nunha perda progresiva de confianza que se fixo evidente a partir de finais de xullo, coa crise aberta pola instalación das festas e posteriormente coas subvencións nominativas a entidade.

Pola súa banda, o actual alcalde cualificou de bochornosa a operación que atribúe a intereses partidistas e non ó  ben xeral da cidadanía. Responsabiliza ó PP de promover esta moción con único obxectivo de desaloxar da alcaldía ós nacionalistas.

O pleno para o debate da moción celebrarase o día 13 de outubro,  tal e como establece a normativa de réxime local. Se todo segue segundo o previsto, será a popular María Sampedro quen releve a Luís Pérez Barral á fronte do concello.