Nervios e ilusión no primeiro día de clase tralas vacacións

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/10/inicio_curso_infantil_e_primaria_1009151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/10/inicio_curso_infantil_e_primaria_100915.mp4{/flowplayer} BOIRO> Xornada de nervios e moita emoción para os escolares de infantil e primaria que esta mañá iniciaban o curso. Os pequenos amoreábanse ás portas dos colexios, ansiosos por reencontrarse cos seus compañeiros. E aínda que a maioría amosábanse encantados de volver á rutina, había quen xa comezaba a botar de menos as vacacións. As habituais estampas deste primeiro día de clase repetíronse esta mañá en toda Galicia. Os alumnos de infantil e primaria volvían esta mañá ás aulas cun sabor agridoce, marcado pola alegría de reencontrarse cos amigos e compañeiros pero tamén pola mágoa de dicir adeus ás vacacións. En xeral, había ganas de volver ás aulas, non só entre os máis pequenos, senón tamén entre os pais. Moitos viviron este días con máis nervios e ilusión que os propios cativos. Poucas escenas de choros xa que a maioría dos que comezaban o curso esta mañá xa estaban habituados ás aulas. En centros como o praia xardín de Boiro, os pequenos que se iniciaban en infantil este ano xa levan varios días asistindo ás clases en periodo de adaptación. Tras esta primeira xornada que serviu como toma de contacto, as clases impartiranse en horario habitual nos distintos centros da comarca. O atafego destes primeiros días dará paso á rutina diaria ó longo dos nove meses de curso que teñen por diante.