Os gandeiros cumpren tres días de bloqueo na factoría de Larsa

    VILAGARCÍA> Os gandeiros cumpren xa tres días apostados ás portas da planta de Larsa, en Vilagarcía. A factoría das Carolinas é unha máis dunha lista de quince repartidas por toda Galicia que a día de hoxe bloquean os produtores de leite; un paso máis nas súas medidas de presión para intentar mellorar as súas condicións de produción e venda. Para dar saída ao leite que non están a vender, o sector repartiu esta tarde máis de 5.000 litros entre os veciños na Praza de Galicia.

     

    Na medianoite do sábado, os tractores chegaban a Vilagarcía para bloquear os acceso á planta de Larsa. É un paso máis nas medidas de presión do sector do leite, que leva semanas pelexando por mellorar as súas condicións.

    O sector está afogado por unha política de prezos que lles obriga a vender a perdas. Desesperados, os gandeiros insisten nas súas reivindicacións, aínda que iso supoña un importante esforzo nas súas economías.

    É duro, pero non teñen outra opción. A día de hoxe, os produtores venden o litro de leite entre 18 e 26 céntimos, cando producilo custa entre 30 e 32. O que reclaman é o mesmo prezo que teñen os gandeiros franceses, 34 céntimos por litro.

    Mañá todos estarán pendentes de Madrid, onde se celebrará un novo encontro sectorial para intentar resolver o problema. Aínda que despois de tantas decepcións, o sector é cauteloso.

    Dende o seu campamento de As Carolinas, a vintena de gandeiros que vixía as portas de Larsa lanzaron unha mensaxe de agradecemento ao concello e aos veciños, que lles dan forza para seguir coa súa loita.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/14/folga_leite.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/14/folga_leite.mp4{/flowplayer}