Cuervo e Membrives deixarán a vida política tralo 22-M

    membrives2 copia.jpg VILAGARCÍA> Eran dous dos nomes que soaban para acompañar a Modesto Pose nas listas do PSOE. Apártanse da política ‘por motivos persoais’.

    {flowplayer}images/salnes/FUTURO_POLITICO_MEMBRIVES.flv{/flowplayer}

    Eran dous dos nomes que viñan soando en tódalas quinielas para acompañar a Modesto Pose nas listas do PSOE vilagarciá. Onte, Manuel Rodríguez Cuervo, actual edil de Obras, mediante un comunicado, e esta mañá José Membrives, concelleiro de Persoal, en rolda de prensa, puxeron fin ós rumores. Ningún dos dous seguirá na política activa tralo 22 de maio. Coinciden nas razóns: motivos persoais, e aínda que Cuervo non ofreceu máis explicacións, Membrives afirma que se trata dunha cuestión de prioridades: entre a familia, o traballo, e a súa faceta política, optou por descartar esta última faceta.

    Ámbolos dous concelleiros insisten en que se trata dunha decisión tomada hai tempo. Que non veu determinada nin polos acontecementos políticos dos últimos tempos no seo do partido socialista nin pola recente campaña que a UXT vén mantendo nos últimos días contra o edil de Persoal. Membrives asegura que continuará coa súa labor á fronte de Persoal ata rematar a lexislatura, posto que aínda lle quedan temas de importancia por abordar.

    Rematou brindando o seu apoio incondicional ó candidato á alcaldía, Modesto Pose ‘porque estou convencido –di- de que será o mellor acalde da historia de Vilagarcía’.

    As ‘dúas caras’ de EU

    Nesta mesma comparecencia o edil de Persoal de Vilagarcía aproveitou para desmentir as acusacións vertidas polo voceiro de Esquerda Unida, Juan Fajardo, con relación ó suposto pago de gratificacións extraordinarias a traballadores do concello afiliados a UXT. José Membrives lembra a Fajardo que tivo a ocasión de obxectar estes pagos o pasado 25 de xaneiro durante a primeira xuntanza da comisión creada para estudar a gratificacións.

    Esquerda Unida acusa ó goberno municipal de estar gastando ó mes ata 1.300 euros en gratificacións a traballadores do concello afiliados a UXT. Membrives asegura que estes pagos extra ordinarios, na actualidade oito, son os que se están a valorar na comisión especial creada ó efecto. Ademais o edil engade que no caso das gratificacións extraordinarias que se concedían unha vez ó ano a aqueles traballadores que destacaron pola súa produtividade ou por amosar unha dedicación especial, foron extinguíndose durante esta lexislatura, e desde o ano pasado xa non existen.

    Redacción Salnés