Rianxo vive a fin de semana grande na honra da ‘Moreniña’

    RIANXO> Os rianxeiros seguen inmersos nas festas da Guadalupe que esta fin de semana viviron os actos máis destacados. A pesar da chuvia intermitente, centos de veciños sumáronse á procesión marítima celebrada o domingo. A ameaza de chuvia obrigou a celebrar a misa solemne na capela de Santa Columba en lugar do Campo de Arriba como é habitual. Pero nin as precipitacións, que finalmente si fixeron acto de presenza, foron quen de suspender a tradicional procesión marítima que, iso sí acurtou o seu percorrido por mor do mal tempo. Centos de fieis acompañaron á virxe no acto principal destas festas nas que os veciños, pero tamén visitantes chegados de todas partes, amosan a súa devoción pola moreniña. Ademais dos actos centrais do domingo, a fin de semana festiva deparou moia diversión ós que se achegaron ata Rianxo. O pregón que este ano mudou de día, encheu a praza do concello o sábado a mediodía. Tamén éxito de público da cuarta edición do Rock in Rian coas actuacións de Quempallou, Forraje, Desalojo, Os Diplomáticos de Monte Alto e Terbutalina. Hoxe tocoulle a quenda ás Juadalupeñas que tomaron a praza de Castelao cos seus xogos e competicións tralos que celebraron unha romaría popular. Por diante aínda, catro días de festa que terán o seu broche de ouro o venres de madrugada cando miles de persoas entoarán a rianxeira coas bengalas.