Ribeira contará antes do verán cun paseo máis accesible nas Carolinas

RIBEIRA> Adxudicada a remodelación do Paseo das Carolinas. A empresa Transmaser Excavación será a encargada de executar a obra que suporá unha fonda transformación do inicio do paseo marítimo de Coroso. A actuación estará rematada no mes de xuño.

O concello de Ribeira segue a avanzar no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino coa adxudicación dunha nova obra. Trátase da remodelación da fachada litoral do paseo das Carolinas que dotará dunha mellor accesibilidade á praia de Coroso.

O orzamento para esta actuación supera os 150 mil euros financiados a través dun convenio entre a Axencia de Turismo de Galicia e o concello de Ribeira. O prazo de execución é de mes e medio polo que en xuño estará rematada esta obra que suporá unha fonda remodelación da zona comprendida entre a rotonda do Náutico e o inicio do paseo.