NOIA> A directora xeral de Persoas con Discapacidade visitou esta mañá as instalacións da Creba en Noia. Begoña Abeijón interesouse polo proxecto de construción da nova sede no que a Xunta leva investidos máis de 350 mil euros.
A Asociación Pro-Saúde Mental A Creba estreará nova sede este ano. A entidade está a piques de comezar as obras do novo local, situado en pleno centro de Noia, ó que agardan trasladarse nos próximos meses.
A directoral xeral de Persoas con Discapacidade, xunto co alcalde de Noia e a concelleira de Servizos Sociais, coñeceu os detalles do proxecto na visita realizada esta mañá ó centro situado no polígono de Augalevada. Consistirá nun centro ocupacional e unha pequena residencia nun local de 1400 metros cadrados na céntrica rúa Pontevedra.
O presidente da entidade aproveitou a presenza dos representantes locais e autonómicos para trasladarlle outras necesidades, principalmente as relacionadas co servizo de transporte adaptado.











