RIBEIRA> O BNG de Ribeira recolleu unha serie de queixas de comerciantes e veciños con respecto á organización da Feira Artemar, celebrada a finais de agosto. Ademais da falla de accesibilidade no mercado municipal que acolleu diversas actividades destacan a mala distribución dos postos artesanais que prexudicou a varios comerciantes. A distribución do mercado de Artemar ó longo das rúas de Ribeira xerou as críticas de varios comerciantes. Mentres algúns treitos estaba ateigados de postos, noutros como o que vai dende a igrexa ata a praza Compostela non se instalou nin tan sequera un expositor. Os nacionalistas solicitan que se mellore a organización para futuras edicións. Na súa iniciativa, o BNG refírese tamén ós problemas coa accesibilidade do futuro mercado municipal. As persoas con mobilidade reducida non puideron participar nas numerosas actividades que se celebraron nos andares superiores ó non estar operativo o ascensor. Preguntan ademais se o alcalde era coñecedor, antes da inauguración da feira, de que o elevador non podería entrar en servizo para as datas sinaladas.
Inicio Barbanza - Muros - Noia