CxG denunciará ó alcalde noiés por unha presunta prevaricación

    NOIA> A formación nacionalista acusa a Rafael García Guerrero de sacar a concurso unha obra que leva meses executándose no pavillón do colexio da Barquiña. As obras que, ó parecer, se están a acometer no peche perimetral do pavillón do colexio Alexandre Rodríguez Cadarso, son o motivo desta denuncia que formulaba o propio secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas. Segundo el o concello noiés adxudicou unhas obras que xa se veñen realizando dende hai máis dun mes, en cuxo concurso, sen publicidade, participaron un total de tres empresas convidadas polo concello. Segundo sinalan dende CxG a oferta gañadora está lixeiramente por debaixo dos 80 mil euros, que é o límite máximo que os concellos teñen para recorrer ós contratos negociados sen publicidade en vez das ofertas públicas. Na súa comparecencia Bascuas, que non mencionou explícitamente o delito no que podería estar incurrindo o rexedor, presuntamente un delito de prevaricación que terá que determinar a Fiscalía, pídelle ó concello que dea as correspondientes explicacións das razóns polas que non se desenvolveu este proxecto acorde á lei e que, de non ser satisfactorias, instarán á Fiscalía para que actúe. Segundo sinalou o propio Bascuas o pasado 25 de novembro procedeuse a emitir unha providencia da Alcaldía na que se ordenaba a incoación do expediente de peche do polideportivo e que, a día de hoxe, aínda non se pechou, a pesar de que as obras xa están iniciadas e acadan o 60%. Ademais tamén sinalou que o alcalde anunciou para este mediodía a constitución dunha mesa de contratación para analizar as ofertas presentadas, despois de ter coñecemento da formulación da denuncia por parte da formación galeguista. Como proba de que as obras se realizan dende hai meses, CxG aportou tamén fotos e varias actas nas que se recolle que non se puido facer uso do pavillón polideportivo por mor dos traballos.