Luís Oujo: ‘Quero seguir construíndo Porto do Son entre todos e para todos’

PORTO DO SON> Baño de masas o vivido esta pasada fin de semana no acto de presentación da candidatura dos populares sonenses.

O cabeza de lista, Luís Oujo, que opta a súa cuarta reelección como alcalde, contou coa presenza da conselleira do Mar, Rosa Quintana, e boa parte dos candidatos da comarca.

Na súa intervención fixo un repaso ó que foi o actual mandato a piques de concluír, no que, a pesar dos atrancos como foi a pandemia e a crise de prezos, conseguiron levar a cabo grandes logros, poñendo como exemplos o avance no saneamento e na rexeneración dos núcleos rurais, a ampliación do bordo litoral do Concello ou rexeneración dos núcleos urbanos de Porto do Son e Portosín.

Pero Oujo falou tamén de futuro e do que agarda poder realizar se volve a recibir o apoio dos sonenses e revalida a alcaldía. Entre as actuacións destacou a nova nave de redeiras en Porto do Son, a mellora do abrigo e ampliación de atraques en Portosín, o parque empresarial, o novo colexio de Portosín ou o centro de saúde.

Aproveitouse o acto para dar a coñecer tamén ás persoas que o acompañarán  na súa candidatura. Unha lista amplamente renovada, con grandes cambios con respecto a de 2019.

De número 2 irá María José Maroñas. De tres Carlos Lorenzo. De número catro Juan José Calo. Nos postos 5 e 6 irán Alicia Martínez e José Luís Lijo. Completan os dez primeiros postos da lista Manel Deán, Magdalena Pérez, José Martínez e María Maneiro, que despois de doce anos sendo a man dereita de Oujo abandona a primeira liña política.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí