A Deputación da Coruña incorpora 16 millóns de euros máis ao POS+ 2018

BARBANZA> Con este aumento o Plan Provincial alcanza este ano un orzamento récord de 92 millóns de euros. Ós concellos do Barbanza corresponderanlle preto dos dez millóns de euros nesta anualidade. A Deputación da Coruña destinará preto dos dez millóns de euros ó Plan Único nos concellos do Barbanza e Muros-Noia este ano 2018. No último pleno do organismo provincial aprobábase, por unanimidade de todos os grupos políticos, un expediente de modificación de créditos que incorpora 16 millóns de euros máis ós 76 millóns de euros de orzamento inicial do POS+ para este ano, chegando así ós 92 millóns de euros en 2018 para toda a provincia. O goberno provincial cumpre así o seu compromiso de destinar os remanentes a ampliar o orzamento do Plan Único, facendo que os concellos coruñeses reciban da Deputación non só máis fondos que o ano pasado, senón o maior investimento provincial dos últimos anos e o maior investimento por concello das catro provincias galegas. Ribeira será o municipio da zona que máis fondos reciba, 1’7; seguida de Boiro 1’4 e Porto do Son, 1 millón de euros. O resto dos concellos da comarca flutuarán entre os 991 mil euros de Noia e os 759 de Lousame. A maior parte deste investimento será empregado polos concellos para a execución de diversas obras de construción ou mellora de infraestruturas públicas, así como tamén a costear servizos públicos básicos como é o caso do alumeado, o mantemento de viais ou a recollida de lixo. Aínda así outra parte servirá para que os concellos amorticen tamén a súa débeda coas entidades bancarias.