Ribeira acollerá este próximo domingo a Carreira Popular de Santa Uxía

RIBEIRA> A proba, que chega este ano á súa décimo oitava edición, forma parte do Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña. Ó redor dun milleiro de corredores daranse cita este próximo domingo na décimo oitava edición da Carreira Popular de Santa Uxía, unha das probas máis senlleiras das que se celebran na localidade. Dase a circunstancia de que a carreira, de dez quilómetros de percorrido, volverá a estar unha vez máis incluída no Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña e nela tomarán parte a totalidade das categorías, dende os máis pequenos ata os veteráns. O comezo da carreira está previsto para as once da mañá coa saída da proba absoluta. A carreira desenvolverase por un percorrido de cinco quilómetros ó que haberá que dar dúas voltas, pasando polo Malecón, rúas Manzanares e Galicia, a Avenida da Coruña e o Paseo das Carolinas. As inscricións aínda poden realizarse, a través da web www.riveira.es ou en www.carreirasgalegas.com. O prezo será de seis euros para a aproba absoluta, sendo a participación gratuíta para as categorías escolares. En total haberá máis de mil euros en premios en metálico, ademais dos trofeos e medallas segundo as distintas franxas de idade. Dende a organización pediron ademais comprensión polas molestias que pode ocasionar o domingo o desenvolvemento da carreira xa que será necesario realizar algunha que outra restrición do tráfico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí