O París Dakart acolle este sábado a IV Carreira de Resistencia

paris_dakart250.jpgSANXENXO> Dezasete equipos disputarán en Sanxenxo esta fin de semana a cuarta edición da Carreira de Resistencia do Circuíto París Dakart, na que se repartirán máis de 1.200 euros en premios. As inscricións xa se poden facer e custan 500 euros por equipo.

O Circuíto París Dakart, en Sanxenxo, acolle este sábado pola noite a cuarta edición da súa Carreira de Resistencia. As inscricións xa están abertas e poderán anotarse ata un máximo de 17 equipos, de 3 a 5 pilotos. O prezo por equipo é de cincocentos euros.

A partir das nove da noite, repartiranse os dorsais e os equipos poderán ter a primeira toma de contacto co circuíto. Cada equipo poderá rodar tres voltas e farano todos xuntos. A carreira de resistencia comeza ás dez da noite e constará de tres mangas de unha hora cada unha, seguida de vinte minutos de parada para repostar os vehículos e sortealos de novo. Deste xeito, tódolos equipos terán a máxima igualdade de medios.

Segundo as bases da carreira, os cambios faranse sempre en boxes e decidiraos o director de equipo amosando o panel co número do piloto. Este terá que entrar en boxes nas seguintes tres voltas como máximo. O fin de carreira prevese para as dúas da madrugada. Gañará o equipo capaz de rodar máis voltas en tres horas. O primeiro recibirá 700 euros, o segundo 350 e o terceiro 200. A organización destaca que os pilotos disporán para esta carreira de Karts completamente revisados e con pneumáticos a estrear.

Redacción Salnés