PSOE e PP acadan un acordo para desbloquear a organización de Ravella

    VILAGARCÍA> Fumata branca en Ravella. Este mediodía, Partido Socialista e Partido Popular anunciaban un acordo de organización do concello. Despois de cen días de negociacións e con algúns matices, a segunda proposta da formación de Tomás Fole conseguiu convencer ao equipo de goberno. A cambio do apoio dos 7 concelleiros populares, Alberto Varela concédelles unha liberación, representación en diferentes órganos e levar adiante varias das obras postas en marcha polo PP cando gobernaba. Entre elas, o reclamado ximnasio do colexio de Rubiáns.

     

    Máis de cen días despois da toma de posesión, Ravella poderá por fin aprobar a súa organización. Farao co apoio do Partido Popular, despois de fracasar os intentos de negociación coas formacións de esquerda e aceptando os socialistas a maioría  das condicións da segunda proposta da formación de Tomás Fole. 

    Co apoio dos sete concelleiros populares, Alberto Varela conseguirá desbloquear a situación. Asúmese a proposta inicial de distribución de cargos retribuídos feita polo goberno: alcalde, catro concelleiros liberados e dous cargos de confianza. A esta conta engádese unha nova liberación, ou ben dúas parciais, que recaerá no Partido Popular. A proposta do BNG, rebaixarase o soldo do secretario do alcalde, Álvaro Carou.

    Os socialistas tamén aceptan as peticións de representación do PP. Así, o principal partido da oposición terá un representante na Autoridade Portuaria e na Mancomunidade, ademais da vicepresidencia do Padroado de Fexdega.

    No marco deste acordo, o goberno comprométese a executar obras que puxera en marcha o PP: o novo ximnasio do colexio de Rubiáns, a posta en valor do balneario de A Compostela  con fins hoteleiros ou a humanización da rúa Conde Vallellano. Tamén comprométese a habilitar dúas zonas lúdicas na praia de Compostela ou no parque do Castriño, actuacións que foran desbotadas polo executivo.

    Ademais crearanse varios grupos de traballo dos principais asuntos, como orzamentos, ordenanzas ou plan xeral, nos que participarán todos os partidos.

    O acordo xa se levará á sesión plenaria de mañá, incluíndose na orde do día pola vía de urxencia.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/23/acordo_goberno_vilagarcia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/23/acordo_goberno_vilagarcia.mp4{/flowplayer}