RIBEIRA> O concello de Ribeira oferta este verán unha nova actividade audiovisual para a mocidade. Trátase do obradoiro de creación ‘Sen Filtros’ que se desenvolverá a partir do 28 de xuño na Casa da Xuventude.
Os mozos de Ribeira contarán ó longo deste verán cunha maior oferta formativa e de lecer. A concellería de Mocidade porá en marcha o obradoiro de creación audiovisual Sen Filtros cun temario do máis variado que abordará dende a creación de historias e a gravación de pezas ou o deseño a través de aplicacións como Canva ata a creación de efectos sonoros en estudo.
A actividade dará comezo o 28 de xuño e desenvolverase tódolos sábados pola mañá na casa da Xuventude. Hai opción de asistir a tódalas sesión ou só a algún dos obradoiros, segundo a súa temática.
As inscricións xa se poden realizar, de balde, contactando co departamento de xuventude do concello. Vai dirixido a mozos de 12 a 17 anos e non se requiren coñecementos previos.