BOIRO> O alcalde de Boiro, Xoán Xosé Dieste, defendeu a legalidade da contratación, a través da creación dunha praza de persoal de confianza, do capataz de obras e mantemento. Dieste contestou así as acusacións vertidas contra el pola voceira de Boiro Novo, Dores Torrado, que o consideraba como un claro exemplo de enchufismo, xa que a persoa contratada é un ex-edil do Partido Popular na Pobra. O rexedor boirense mostrouse moi contundente á hora de valorar a denuncia realizada pola voceira de Boiro Novo, Dores Torrado, que o acusaba de enchufismo pola contratación para o posto de capataz de obras dun ex-edil do Partido Popular da Pobra. Para Torrado a cobertura desta praza, que quedara baleira despois da xubilación do funcionario que a cubría, podería terse cuberto do propio persoal municipal, ou mesmo ser asumida por parte do actual concelleiro de Obras, que xa cobra por dedicación, supoñendo un claro aforro para as arcas municipais. Segundo Dieste a contratación desta persoa axústase totalmente á legalidade, xa que o alcalde ten posibilidade de contratar ata un total de dúas persoas de libre designación. Para Dieste trátase dunha persoa da súa total confianza que ten demostrado o seu bo labor durante os dezaseis anos de goberno do Partido Popular no concello veciño da Pobra. O rexedor boirense foi máis alá e sinalou que con estas acusacións a voceira de Boiro Novo pretende enlixar a boa xestión e o traballo do actual equipo de goberno, tratando de enganar á cidadanía sobre este asunto.
Inicio Barbanza - Muros - Noia