Arqueoloxía, historia, onomástica e literatura centran a sétima edición das xornadas ‘A Pobra no Tempo’

A POBRA> O concello da Pobra volverá poñer en valor o seu patrimonio cultural coa sétima edición de A Pobra no tempo. As xornadas desenvolveranse o 28 e o 29 de setembro e versará sobre arqueoloxía, historia, onomástica e literatura.

O gran interese que espertan as xornadas A Pobra no Tempo animou ó concello a seguir apostando por esta cita divulgativa que pon en valor o rico patrimonio histórico e cultural do municipio.

Nesta sétima edición, xirarán sobre catro temáticas. Unha delas será a arqueoloxía coas escavacións realizadas na Corte do Santo como protagonistas.

Tomaranlle o relevo o historiador Xosé María Fernández Pazos coa historia do naufraxio do Santa Isabel e a lingüista Ana Isabel Boullón Agrelo cunha interesante charla sobre os apelidos da Pobra. Pechará o programa de conferencias a pedagoga Pilar Sampedro debullando a presenza da Pobra como escenario da literatura galega.

O domingo terá lugar unha visita guiada polo xornalista Manuel Gago ó redor da Portela. Os interesados en inscribirse poden facelo no enderezo electrónico bibliotecadapobradocaraminal@gmail.com ou do teléfono de contacto 981831633 ata o día 26 de setembro. Aqueles que non poidan asistir poderán seguilo por streaming no youtube do concello da Pobra.