A xustiza anula a licenza concedida polo Concello de Cambados á nova gasolineira de Corbillón

CAMBADOS> Un xulgado anula a licenza concedida polo concello de Cambados á unha gasolineira, aberta dende finais de 2018. Tódolos informes técnicos avalan a estación de servizo, pero a falta dun informe xurídico invalida o permiso de apertura concedido polo executivo local. Dende o Concello din que serán cautos á hora de decidir que van facer con este fallo xudicial.

O xulgado do contencioso número 3 de Pontevedra foi o que anulou a licenza concedida polo Concello de Cambados a esta gasolineira. Faino atendendo á petición da empresa Cambadosoil, propietaria doutra gasolineira próxima, que presentara un recurso contra a decisión da xunta de goberno en setembro de 2017.

Todo está en orde, pero falta un informe xurídico que avale a licenza.

No fallo, o xuíz tamén pon sobre a mesa que o expediente remitido polo concello carecía de índice completo no que poder constatar que documentos se incorporan e cal é a súa orde.

A licenza concedeuse cando José Ramón Abal era concelleiro de Urbanismo. O actual responsable desa área mesmo di que el aínda non tivo acceso a ese expediente.

Xurxo Charlín entende que pode haber dúas posibles explicacións: ou ese informe xurídico non se incluíu ou se se chegou a incluír cal é o motivo polo que non se aportou ó xulgado. Avanza que no Concello van actuar con cautela.

Charlín, con todo, salienta que a sentenza en ningún momento pon en cuestión a concesión da licenza, senón que só fala dun fallo formal de procedemento.